LUG / NOTICIAS

CD Lugo e Pescados Rubén Burela FS visitaron a escolares de 8 centros da Mariña

Máis de 800 nenos e nenas puideron coñecer aos equipos

11/03/2019 18:34

Os membros dos primeiros equipos do CD Lugo e do Pescados Rubén Burela FS visitaron este luns a máis de 800 escolares da Mariña. Os cativos e cativas, de 8 colexios diferentes de Alfoz, Burela, Ferreira e Foz, puideron charlar cos seus ídolos e coñecer máis de cerca o mundo do deporte profesional.

Ambos clubs queren agradecer ao Colexio Martínez Otero (Foz), CEIP Número 1(Foz), CEIP O Cantel (Foz), Colexio do Pilar (Foz), CEIP Santa María do Valadouro (Ferreira), CEIP Castro de Ouro (Alfoz), CEIP Virxe do Carme (Burela) e ao CEIP Vista Alegre (Burela); a súa acollida e facilidades para que estes encontros se puideran celebrar.  

Antes de achegarse aos centros educativos coas xogadoras e xogadores do Pescados Rubén Burela FS, o CD Lugo adestrou no Campo de Fútbol Martínez Otero de Foz grazas á amabilidade do Concello e do CD Foz, que cederon as instalacións. Celebrar o adestramento nesta vila permitiu que moitos escolares puideran estar presentes durante o mesmo.

Este evento constitúe unha nova mostra da colaboración entre o as dúas entidades na procura de favorecer o crecemento social de ambos clubs, así como a difusión do deporte e os seus valores por toda a provincia, un dos obxectivos principais do convenio asinado a principio de tempada.