LUG / NOTICIAS

O CD Lugo chega a un acordo co Concello de Lugo para a constución da Academia CD Lugo

O consistorio cederá ao CD Lugo 1,5 has de terreo en San Fiz para que o Club constrúa dous novos campos fútbol

02/03/2018 15:03

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e o presidente do CD Lugo, Tino Saqués, anunciaron este venres un acordo de colaboración segundo o que o Concello lle cederá ao Club 1,5has de terreo de titularidade municipal en San Fiz –en fronte ao CETAL- para que a entidade deportiva constrúa nel dous novos campos de fútbol e as súas instalacións auxiliares, unha “vila deportiva”, na que centralizará os máis de 300 xogadores da súas categorías de base.

Os terreos que o Concello poñerá a disposición do Club teñen a cualificación urbanística de equipamento deportivo e tras concluír a cesión –aínda por determinar, pero cun tope máximo de 50 anos- as instalacións reverterán de novo na entidade local. O acordo está a día de hoxe encarrilado administrativamente para nas vindeiras semanas poder asinar un convenio de colaboración.

Méndez subliñou que este acordo “é froito da estreita e fluída relación” que mantén o Goberno local co Lugo porque “así entendemos e practicamos o apoio ao deporte, a través dunha relación simbiótica co amplo e dinámico tecido de entidades deportivas co que temos a sorte de contar na cidade”.

O CD Lugo “é un dos estandartes da nosa cidade no resto do país e está altamente comprometido con forxar canteira cos rapaces lucenses”, engadiu a Alcaldesa, que agradeceu á entidade e singularmente ao seu presidente “que siga investindo no futuro” do municipio.

Pola súa banda, o presidente da entidade albivermella agradeceu o apoio das autoridades para levar a cabo este acordo: “Grazas ao Concello de Lugo por tódolos esforzos que se están facendo para que poidamos levar a cabo ese gran soño que tíñamos cando chegamos de acometer unhas instalacións dignas para a nosa base, para o noso futuro. Temos que ir paso a paso, crecer na medida das posibilidades que temos estruturalmente e socialmente.”

Ao acto tamén asistiron os catro capitáns do clube, así como xogadores históricos e representantes da canteira. Unha presenza que Tino Saqués tamén destacou: “E importantísimo poder estar aquí e facer participe tanto o pasado do CD Lugo, con Simón xogador da década dos 60, o presente con Carlos Pita, Seoane, Iriome e Roberto, e o futuro que o ven a representar Iago.”

Un futuro que Saqués agarda con optimismo e sobre todo cunha meta, facer do CD Lugo un embaixador da cidade: “Pouco a pouco iremos conseguindo éxitos. Iso vai a axudar para que cada vez máis socios acudan ao Anxo Carro, máis xente participe do CD Lugo e nos sexamos capaces de, como dicía a alcaldesa, levar o nome de Lugo por toda España e a onde poidamos chegar.”

Por último, o máximo mandatario do CD Lugo, revelou os pasos a seguir na construción dos dous campos de fútbol de que constará a academia do clube: “Dende xa, que temos firmado o convenio, poñémonos a traballar no desenvolvemento do proxecto. Despois sacar licencias e executar a primeira fase, que será o campo grande, para pouco a pouco ver, nas posibilidades que podamos, que fases somos capaces de levar adiante. A nosa idea é que este ano, séa setembro ou outubro, poidamos contar xa co primeiro campo en disposición do filial e o división de honra para que poidan desenvolver a súa actividade.”