LUG / NOTICIAS

Unha aposta real polo cambio

O CD Lugo implementa un Plan de Igualdade para evitar as diferenzas entre empregadas e empregados por motivos de sexo

07/03/2019 14:00

O CD Lugo aposta firmemente por igualar as condicións entre as súas traballadoras e traballadores. Nesta liña, o club implantou ao comezo desta tempada un plan de igualdade que busca evitar as diferenzas por motivos de sexo entre o seu persoal non competitivo e que será revisado e readaptado periodicamente. A entidade albivermella toma a vangarda neste aspecto, sendo un dos primeiros clubs de LaLiga Santander e de LaLiga 1|2|3 cun Plan de Igualdade rexistrado.

O programa contempla o desenrolo dunha Guía de Linguaxe inclusivo, xa editada e distribuída entre as traballadoras e os traballadores do club, e a adaptación da web oficial á mesma. Igualmente, creouse un manual de prevención de acoso sexual e moral por razón de sexo, que foi entregado a cada membro do club.

O plan recolle, entre os seus puntos de actuación , a igualdade de oportunidades laborais para mulleres e homes, así como a equidade á hora de acceder a distintas actividades de formación e ás promocións internas que se poidan levar a cabo. Así mesmo, o programa reflicte o compromiso da entidade de garantir as mesmas condicións salariais entre as traballadoras e os traballadores que conforman o persoal non competitivo.

Outro dos puntos  salientables é a política de conciliación familiar a través da cal o CD Lugo busca flexibilizar e adaptar os horarios de empregadas e empregados a posibles responsabilidades familiares.

As política igualitarias implantadas no club foron expostas a traballadoras e traballadores nunha serie de charlas impartidas polo equipo responsable do seu desenrolo.

Este Plan de Igualdade forma parte da política de RSC do Club Deportivo Lugo.