Skip to main content

Entrevista a Fernando Seoane

O pulmón deste Lugo gañador. Mirada tranquila, ton suave, xestos pausados. Transmite unha bondade que aleda. É Fernando Seoane, protagonista dun equipo que comezou a medrar con el e ao que voltou para botar raíces.

O pulmón deste Lugo gañador. Mirada tranquila, ton suave, xestos pausados. Transmite unha bondade que aleda. É Fernando Seoane, protagonista dun equipo que comezou a medrar con el e ao que voltou para botar raíces.

Se che digo Club Deportivo Lugo, que é o primeiro que pensas?

Un sitio estupendo para practicar este deporte. Dos mellores nos que estiven. Estou supercontento desta segunda etapa. Tanto na primeira coma nesta estou como na casa. Non teño palabras malas cando escoito falar do Lugo. Sempre o levarei no corazón.

Por que optaches por vir a este clube na primeira etapa e o motivo da segunda? Fuches en 2012 a primeira fichaxe tralo ascenso a Segunda.

No primeiro, sobre todo, porque tiña ganas de voltar á casa ou preto. Levaba bastantes anos andando por España adiante e tiña ganas. Teño moita morriña. Presentóuseme esa opción, chamáranme Carlos Mouriz e Setién. Viñen encantado. Un gran acerto tomar esa decisión. Na segunda etapa en Tarragona tivemos un descenso deportivo e partir de aí quedaba libre. Había opcións, entre elas o Lugo, e entre o Lugo e os demáis non había cor.

Con que momento te quedas da túa primeira etapa e cal da segunda polo de agora?

Na primeira etapa foi o primeiro ano de Setién onde deixamos un sinal de identidade. Aí comezou a fraguarse un gran Lugo. En xeral, a tempada do ano pasado, que foi de notable alto, porque conseguimos a permanencia de xeito bastante cómodo sendo un recén ascendido. Foi un logro importante.

Hai varios xogadores, cun deles sí cadraches na primeira etapa coma é Manu e os outros dous son Pita e Víctor Marco, e aínda que ti fúcheste e volviches semella que os catro formades a columna vertebral, canto menos simbólica, a nivel de experiencia. Que te une a eles sen desmerecer ao resto?

Como dis ti, con Manu xa coincidira. Seguía falando con el a través das redes sociais aínda que eu non estivera aquí. Ao outros dous non os coñecía, pero coa experiencia do ano pasado e o pouco deste ano lévome moi ben con eles. En común temos que somos xente honrada e traballadora tanto nos partidos coma nos adestramentos. Marcamos un pouco o que é o vestiario. Aínda que non falemos moito dentro del, ao mellor non é algo que precisemos, só cos nosos actos o resto xa contaxia un pouco.

Describe aos compañeiros teus de demarcación, aínda que cada un coas súas características. O primeiro, Carlos Pita.

É un xogador completísimo. É unha sorte telo aquí. Seguro que tivo moitas opción este verán porque fixo un ano moi bo. É un xogador que ve moi ben o fútbol, xoga cunha tranquilidade incrible e cando eu xogo ao seu carón síntome moi cómodo. Ve o fútbol dunha maneira que facilita.

Rafa García, un dos novos.

Coñézoo menos, dalgunha vez enfrentarme a el. É un mediocentro dun corte un pouco máis defensivo, que tamén xoga ben o balón. Ten un bo desprazamento. Vai aportar cousas ao equipo.

E, por último, aínda que é mediapunta tamén, Álvaro Peña.

Non o coñecía de nada. Sí sorprendeu a todos por esa calidade que ten, ese manexo de balón e é moi difícil quitarllo. Ve o último pase con moita claridade. De mediapunta ou mediocentro axuda e os dianteiros agradéceno.

Defínete a ti mesmo. Facetas nas que pensas que te atopas máis cómodo e outras a mellorar.

Sobre todo son máis de corte defensivo, axudar ao compañeiro, facerlle as coberturas cando hai pérdidas de balón, botar unha man á defensa e mediocampo. Hai cousas que teño que mellorar e seguirei esforzándome en cada adestramento coma é o o manexo de balón, que aínda que tento facelo, hai veces que se me complica. Hai cousas que un non ten innatas e un ten que ir mellorándoas pouco.

Sendo un cativo lémbrome de ler o teu nome vencellado ao Real Madrid. Conta un pouco ese proceso.

Aínda que che queira contar a verdade completamente non a sei porque eses anos no Compostela eran convulsos estando Caneda polo medio. Creo que foi nunha xunta de accionistas, facían falta cartos e soltou a bomba de que o Real Madrid estaría interesado en mín e que pagaría unha cantidade de cartos e que de aí ían facerse os pagos á xente á que se lle debía pasta. Máis de aí non houbo nada porque ninguén contactou conmigo. Sí que saíron rumores daquela, pero non foi máis que iso.

Imos lembrar e repasar a túa traxectoria. Primeiro, Compostela e xa despois Alavés B, Burgos, Écija e Nàstic.

Bueno, primeiro foi no Villestro, un equipo das aforas de Santiago, aí empecei e metinme o gusaniño porque forma moitos rapaces, ten unha gran canteira e aí estiven dende alevíns a cadetes. A partir de aí, como sobresaía un pouco, pasei ao Compostela por case tódalas categorías: xuvenil, filial e até o primeiro equipo. A partir de aí, cando chegas ao primeiro equipo, ese ano cadrou cun descenso administrativo por cobros e había que buscarse a vida. De aí, pasei ao Alavés B, estiven dous anos, cadrou xusto coa chegada de Dimitri Piterman e era complicado que che deran unha oportunidade para chegar ao primeiro equipo. Había, creo, trinta xogadores profesionais no primeiro equipo. Os do filial estábamos un pouco "pintados". Fixen amizade co secretario técnico, que marchou ao Burgos. Fun ao Burgos con Arconada de adestrador. Saiu un ano moi bo. Quedamos segundos na Liga e fixemos playoffs. Eliminounos o Sevilla B no último partido e eles ascenderon. Despois, fun cara o sur, ao Écija. O primeiro ano tamén foi espectacular, quedamos campións dese grupo de Segunda B e tocounos enfrentarnos ao Dépor B, eliminámolos e co Huesca foi un pouco roubo, merecíamos máis, tivémello mellor que eles, pero entre as arbitraxes e algún erro non o conseguimos. O segundo ano alí xa foi máis complicado: pelexamos para non descender. Daquela, plantéxome xa a volta a casa.

Despois da primeira etapa do Lugo surxe a opción do Nàstic, un equipo que na tempada 2006/2007 xogara en Primeira. Suponía para ti unha traxectoria ascendente pois subías de Segunda B a Segunda. Dábame a sensación que xogábades ben e non tíñades resultados. Dábadeslle ao fútbol máis do que recibíades.

Sí. Foron dous anos bastante complicados en Tarragona. Cambios de adestrador nos dous anos. Son cambios difíciles para un equipo acostumado a Primeira ou estar arriba en Segunda. Por nomes, por equipo e por xogadores podíamos estar na zona tranquila da táboa. A Segunda é moi complicada, comezamos mal, houbo cambio de adestrador, algún problema de cobro. Ao final, todo suma. No primeiro ano salvámosnos na penúltima xornada e no segundo pois case imposible. Foi todo un cúmulo de despropósitos.

Quédaste con algún compañeiro ou algún intre en concreto da túa etapa no Nàstic?

Sí, coñecín a xogadores moi míticos tanto en Segunda coma en Primeira como poden ser Mingo ou Fernando Morán. É no primeiro que te fixas porque velos adestrar e adestran cunha ilusión coma se tivesen vinte anos. Contaxian, son exemplos, moi profesionais. É unha mágoa que Mingo xa esté retirado e Morán case. Podían seguir xogando polo físico que teñen. Unha mágoa que xa non estén. Quédaste con esa xente que gañou tanto e que segue adestrando coma o que máis.

Que diferenzas atopas entre o Lugo e o Nàstic?

Como o día e a noite. Alí estaban acostumados e tiñan uns organigramas coma se foran o Real Madrid. Moita xente nas oficinas, moitos privilexios e moitos luxos totalmente innecesarios que un xogador non os valora porque non son necesarios. Outras cousas que facían falta non as tiñan. Aquí en Lugo o fundamental, que é o cobro para adestrar, está máis que asegurado e a diferenza é abismal.

Diferenzas entre o Lugo da túa primeira etapa e da segunda?

O meu primeiro ano era o primeiro de Setién e en Lugo non se estaba acostumado a un fútbol dese estilo. Costou un pouco implantalo. Creo que fixemos un bo ano, aínda que esa racha que tivemos de, creo, dez partidos sen gañar non nos permitiu entrar en playoffs. Senón, creo que estaba asequible. Despois, a evolución non hai máis que vela: quedaron campións de grupo, dúas fases de ascenso e o ano pasado a tempada que se fixo foi de notable nunha categoría superior. Ten moito mérito.

Diferenzas deportivas entre Segunda e Segunda B?

Algo de diferenza hai. As categorías están para algo. O máis destacable é que ao mellor en Segunda B tes dez erros bastante graves e aproveitan un. Aquí en Segunda tes tres erros e aproveitan xa un. A intensidade e competitividade dos equipos son moito máis grandes. É unha categoría dura e difícil, pero á súa vez tamén é bonita.

Que xogadores destacas en Segunda na tempada pasada e nos teus dous anos en Tarragona?

O primeiro ano cando estiven en Tarragona o Betis xogaba en Segunda. Un que me impresionou, sobre todo polo seu físico, foi Emaná. Era un portento, unha besta, unhas patorras criminais que cando o vías diante daban ganas de apartar e nese sentido foi un xogador que me chamou a atención para ben.

Un mediocentro de elite co que te identifiques?

Ningún en particular, pero sempre me fixo en xogadores da miña posición: Busquets, Xabi Alonso. Xa de anos atrás, Mauro Silva, que me gustaba moito, e Fernando Hierro, que xogou tamén aí. Fíxome na mayoría e os que cito especialmente.

Futbolista co te identifiques do actual vestiario do Lugo por empatía personal e/ou estilo de xogo?

Creo que co que máis empatía teño no vestiario é con Pita. Dende o primeiro día entendémonos tanto dentro como fora do campo. Temos unha boa amizade.

Nunha época onde os impagos e as dúbidas sobre a viabilidade dos clubes é un tema habitual, cara onde cres que debe encamiñarse o fútbol e que erros cres que se cometeron? Sempre se fala do Lugo coma un clube serio, que paga ao día, pese a ter unha infraestructura máis humilde.

Cando había bonanza económica todo o mundo abría a man e había para todo. Había contratos que co tempo víronse que eran inaguantables. Hai que ter un pouco máis de sentido común. Un exemplo claro é o Lugo. Dende que o colleu esta xente pois é un exemplo claro de facer as cousas, non gastar máis do que se ingresa. É un pouco o que debía facer todo o mundo. Vese que todo o mundo cometeu erros. Houbo despilfarro de cartos e agora estanse pagando as consecuencias.

Ao longo da túa traxectoria no Lugo compartiches adestramentos, convocatorias e incluso amigables con canteiráns. Que valoración tes deles? Que lles dirías? É evidente que teñen o exemplo de Iago, que subiu a metade de tempada a campaña do ascenso e consolidouse.

Todos os canteiráns que suben a adestrar con nós teñen que decatarse que están ante unha oportunidade que pode ser única, ao mellor non a volven ter. Antes lémbrome cando era novo que era máis difícil ter unha oportunidade e agora, aínda que sexa por problemas económicos, vese que apostan un pouco máis. Están ante a oportunidade da súa vida. Teñen que entregarse ao máximo en cada adestramento, comer a herba se fai falla e que teñan esa mentalidade de querer xogar aquí no Lugo. Debutar co Lugo en Segunda División non está ao alcance de calquera.

Por último, tes este ano e outro máis de contrato. Cando te retires a longo prazo, como che gustaría ser lembrado nesta cidade?

Máis que polo que fago no campo, como unha persoa normal, honrada e traballadora. Se me lembran medianamente con iso xa me dou por satisfeito. Non pretendo ser un heroe nin nada semellante. Con iso confórmome. 

Image