O mediocentro Fernando Seoane compareceu en sala de prensa tralo segundo adestramento de Club Deportivo Lugo S.A.D. desta semana. Os lugueses enfrontaranse ao Real Zaragoza este sábado oito de febreiro dende ás seis e cuarto no estadio Ángel Carro. O encontro emitirase en directo por La Sexta. O Lugo áchase en sétima posición con 34 puntos e sete de vantaxe sobre os postos de descenso. O Zaragoza, pola súa banda, é quinto con 36 puntos despois de colleitar dez no mes de xaneiro.
Fernando Seoane declarou que o equipo recuperou "consistencia atrás" e volve transmitir "boas sensacións". Seoane considera que xogaron en Soria e en Jaén dous partidos "non de todo bos", mais foron quen de sacalos "adiante". O mediocentro de Ames opinou que arestora "non" conceden "tanto aos rivais nin goles absurdos". Na súa perspectiva, o Lugo "en liñas xerais co balón está ben", aínda que "houbo partidos que sen balón" sufriron "máis da conta". Valorou que conseguiron "parar esa sangría" de sete xornadas sen vencer. Igualmente, lembrou que "poden vir rachas peores", polo que "hai que seguir traballando duro".
No eido individual, o mediocentro de Ames afirmou atoparse "de momento ben físicamente, con confianza, con forza", así coma "coidándose". "De momento, non noto os partidos", declarou.
Fernando Seoane respondeu que David Prieto e Sergio Rodríguez, as dúas recentes fichaxes, "están a coller mecanismos do que quere o míster". En relación ao primeiro, comentou que é "moi dinámico, ten moita calidade e vai dar moitas variantes nas tres posicións de arriba".
Seoane, que cumple a súa terceira tempada no Lugo en dúas etapas, lembrou que "na casa" teñen que "ser moi fortes". Tamén, valorou que "tódolos equipos" estanlles "a apretar arriba". Deste xeito, deberán seguir competindo "con tódalas da lei". "Temos que facer un partidazo se queremos gañar os tres puntos", pronosticou.
En canto ao Zaragoza, o ex xogador do Nàstic explicou que podería ir "primeiro sobrado" e está "á mesma altura" que o Lugo. Os maños son quintos con 36 puntos, mentres os lugueses son sétimos con 34. Para Seoane, o Zaragoza "ten xogadores de Primeira, dun nivel incrible e bo adestrador". Considera que "están collendo o pulso á categoría" e seguirán "pelexando polo ascenso directo seguro". Destacou que "son un bo bloque, que defende ben e non lles fai falta xogar un gran partido para gañar". Engadiu que posúen "xogadores moi desequilibrantes en calquera xogada aillada". En canto á estratexia, subliñou que "ten bos lanzadores".
Individualmente, citou a Montañés como o mellor futbolista do Zaragoza. Dixo que é "moi potente de pernas, moi rápido, desborda e centra ben". Así a todo, agregou que "en xeral, calquera da zona de arriba poden desequilibrar".
Finalmente, comentou que "non" lembra "unha Segunda tan igualada" na súa cuarta tempada en Segunda, dúas co Nàstic e estas últimas dúas co Lugo. De feito, explicou que arestora "a clasificación non importa moito" e "vai ser así até as últimas xornadas". Só pronosticou que Deportivo e Sporting "igual collen máis distancia e o resto" estarán "en poucos puntos". Neste segundo grupo incluiu aos propios albivermellos.
Fernando Seoane disputou 23 partidos na actual edición da Liga Adelante sendo titular nos 23 e apenas sendo sustituido en dous deles. Marcou dous goles: o primeiro ante o Real Jaén abrindo o marcador na terceira xornada (4-2) e o segundo fronte ao Sporting (1-3), ámbolos dous no estadio Ángel Carro. Contabiliza 1999 minutos e conta cunha precisión no pase do 88,7 %. Ademáis, na segunda ronda da Copa do Rei ante o Mirandés (1-1) competiu 57 minutos entrando dende o banco na segunda metade e xogando 57 minutos ao ter que disputarse unha prórroga. A pasada Liga participou en 36 partidos, todos sendo da partida.