Skip to main content
Otras

Rolda de prensa previa de Juan Peón

Juan Peón, segundo adestrador de Club Deportivo Lugo S.A.D., compareceu en rolda de prensa tralo quinto adestramento do equipo nesta semana e último antes de enfrontarse ao Fútbol Club Barcelona B no estadio Ángel Carro este sábado 25 de xaneiro dende ás

Aún no hay reacciones. ¡Sé el primero!

Juan Peón, segundo adestrador de Club Deportivo Lugo S.A.D., compareceu en rolda de prensa tralo quinto adestramento do equipo nesta semana e último antes de enfrontarse ao Fútbol Club Barcelona B no estadio Ángel Carro este sábado 25 de xaneiro dende ás oito. Peón respostou aos medios en sustitución de Quique Setién porque o primeiro técnico recibiu un golpe "nada grave" na sesión e acudiu ao médico. O encontro pertence á vixesimoterceira xornada da Liga Adelante, segunda da segunda volta. No partido da primeira volta, o Lugo perdeu pola mínima no Mini Estadi (2-1) con gol anotado por Fran Sandaza. Os lugueses son décimos con 30 puntos e unha vantaxe de tres sobre os postos de descenso. O Barça B, pola súa banda, áchase en decimoquinta posición con 28 puntos. O choque será televisado en directo pola segunda canle da Televisión de Galicia (TVG2) e Esport3, cadena deportiva da Televisió de Catalunya (TV3). 

Juan Peón declarou que "no vestiario e no clube" estaban "moi tranquilos" pese a que pasaron sete xornadas sen vencer. Ao seu xuízo, a vitoria en Soria outorga "un punto de tranquilidade" pese a que estiveron "moito máis preto de non gañar". Peón lembrou que no fútbol os partidos decídense por "pequeniñas circunstancias".  Opinou que a racha negativa "podería dar lugar a certas dúbidas", aínda que "non chegaba a ser inquietante". Arestora, asegurou, están "máis preto da posición" que merecen.

O segundo técnico do C.D. Lugo afirmou que hai futbolistas con "pequenos problemas físicos", mais todos eles "non son graves". Citou a David de Coz, que conta con "certos problemas", aínda que o corpo técnico pensa que "vai estar". Iso sí, matizou que "ten que xogar o que esté ao cen por cen" pois "se non o está, non vai xogar". Tamén engadiu os "pequenos problemiñas" que ten Enzo Rennella, que está no "mesmo caso" que o lateral dereito. Igualmente, tamén considera que "vai estar" listo para xogar.

Por outra parte, respostou que Sergio Rodríguez, a nova fichaxe que adestrou hoxe por vez primeira cos seus novos compañeiros, "non entrou de momento" na convocatoria. Peón lembrou que o sevillano é "dende fai moitos anos unha das perlas do Betis" e "sempre foi visto como unha promesa con vistas a chegar ao primeiro equipo". Destacou o seu "talento natural dende pequeno" ao ser un xogador criado na "típica canteira sevillana de xogadores talentosos". Reflectiu a "mala sorte" polas "diferentes lesións" que padeceu xa que "en intres chaves coma son as pretempadas" tivo problemas físicos. No seu punto de visto, Sergio Rodríguez "precisa minutos e partidos para coller confianza".

O segundo adestrador do C.D. Lugo comentou que, pese a que en Soria xogaron xuntos Fernando Seoane, Carlos Pita e Rafa García, "o sistema é o mesmo" porque a "idea" do corpo técnico é "meter a tres por dentro". Adiantou que xa contemplaran a opción empregada fronte ao Numancia "máis veces", aínda que estes tres xogadores "nunca cadraran no mesmo intre no campo". Igualmente, declarou que "non é o mesmo que esté Álvaro (Peña) ou Rafa (García)" polas características peculiares e lóxicas de cada un.

Ademáis, loubou aos xogadores do C.D. Lugo ao reflectir diante dos medios que son "todos perfectamente válidos".

Peón valorou que o partido contra o Barça B será "sumamente difícil" porque os blaugranas "é dos equipos que ten moi, moi claro o fútbol que vai facer tanto na casa coma fóra". Lembrou que xa xogaron "varias veces" contra eles. Subliñou que son xogadores "moi rápidos" e "calquera deles pode definir un partido". Porén, considera que o Lugo debe "ter o balón o máximo tempo posible" e "pelexar" polo coiro. Ademáis, destacou que deben "defender sen darlles apenas espazo e con moi pouco tempo para que pensen". Engadiu que "cando non tes o balón" un debe buscar "xuntar liñas". De feito, comentou que "eles aproveitan moi ben os balóns á espalda dos defensas". No eido individual, comentou que Adama Traoré "é case imposible collelo como se pare e arrinque".

Juan Peón solicitou que os seus xogadores "non deixen pensar" ao contrincante. Pensa que deben "levalos dun lado ao outro" posto que os blaugranas son "xogadores máis ofensivos que defensivos". Por iso, destacou que no día de mañá hai que"apretar con moita intensidade". ""Se teñen que andar detrás do balón, canto máis rápido, mellor", reflexionou.

Por outra banda, Juan Peón destacou o campionato de Segunda polo "tan igualado" e "competido" que é. É máis, valorou que é "moito máis igualado que o ano pasado" onde "o Elche arrasou dende o primeiro intre" e "este ano non se está vendo" a mesma coxuntura. Comentou que "non ves un equipo que digas que está descolgado" e puxo o exemplo do Xerez na tempada precedente. Explicou que o Real Madrid Castilla "en calquera momento pode saír de aí", en referencia á zona de descenso. Valorou que "non hai ese perfil dun equipo ou dous" que destaquen. Lembrou que o Villarreal, que ascendeu a pasada campaña, está en Primeira cunha plantilla similar á de Segunda no precedente exercicio. De feito, especificou que "o factor campo non é tan determinante" posto que "axuda, pero non tanto coma para que iso só sirva para gañar". 

Image